domingo, 13 de julio de 2014

IV ANDAINA POLO TAICHI



Río Deza nesta ocasión. Comenzamos a ruta na fervenza do Toxa que non só é fermosa, é que ten unha MAXIA especial. Estar á súa beira recarga o QI de veras, non digo xa si te pos debaixo... a tanto non chegamos; o único valente foi un dos rapaces pero non se meteu baixo a forza da auga.
O primeiro tramo da ruta é complicado, pero como non é moi longo pronto nos puxemos na ponte que nos leva a outra beira do río e xa a partir de ahí é un paseo. Foi momento de revelacións importantes; saiu o tema de deus e algún viu claro que xa que deus é perfecto por eso naceu home. As mulleres do grupo non cuestionamos tamaña afirmación, simplemente saiu un comentario seguindo o fío do tema: posto que deus é home e creou o mundo, "así vai o mundo". YIN e YANG, os opostos complementarios.
Deste xeito, seguindo aos rapaces que marcaban o ritmo, foi que chegamos a unha hora ben prudente á fermosa área recreativa A Carixa, onde os preadolescentes e máis a masa masculina disfrutaron dun baño... ou supoñemos que disfrutaron porque fartáronse de dicir o fría que estaba a auga.
Comemos entre conversas, risas e comentarios varios, que é o bo deste GRUPO HETEROXÉNEO no que sempre tes o pracer de coñecer a alguén; e despóis do café decidimos saltarnos esa regra non escrita de deixar a tarde libre (que creo só cumprimos unha vez) e tiramos cara o Mosteiro de Carboeiro.
A subida ao mosteiro é xeitosa de nabo; claro que para min o peor non é subir, eu lle temo máis as baixadas en vertical que foi no que se converteu a volta.
O mosteiro estivo moitos anos en ruínas e agora está reconstruído, quizá non de forma que agrade a todos, pero polo menos está en pé. Disfrutaron dunha visita ao interior os que quixeron e o resto agardamos fora charlando.
Voltamos polo mesmo camiño para a área recreativa, e así pasamos xuntos unhas horiñas disfrutando da compañía e da bestial natureza que temos en Galicia.
O TAICHI desta ruta foi fluir entre nós e co entorno... non é pouca cousa esa. 
Toallas había dabondo, é o que ten ir con idea de baño.